A PRAZA

O Mercado de Abastos busca actualizarse, pero sen perder a súa esencia de mercado tradicional. Por iso, a primeira planta acolle o Espazo Gastro, un lugar de goce en torno á gastronomía e ao lecer, un punto de encontro para a veciñanza e o turismo e o sitio onde quedar a pasar un tempo agradable.

A Praza destaca, ademais de polo singular valor histórico do edificio que a acolle, pola calidade, variedade e frescura dos produtos que aquí se venden, así como pola confianza, trato cálido e especializado dos seus praceiros e praceiras.

A Praza destaca, ademais de polo singular valor histórico do edificio que a acolle, pola calidade, variedade e frescura dos produtos que aquí se venden, así como pola confianza, trato cálido e especializado dos seus praceiros e praceiras.

Os postos de flores dan a benvida aos visitantes, pero de seguida percíbese o olor dos peixes e mariscos que chegan das bancadas, distribuídas en dúas zonas. Arredor delas agrúpanse tamén os postos de venda de carnes, embutidos, froitas, verduras, hortalizas, queixos… Produtos locais e de proximidade, frescos, sostibles e coa mellor calidade!

Desde a súa fundación, a Praza sempre se caracterizou por ser un centro de comercio tradicional e familiar, pero que tamén innova e se adapta aos novos tempos; proba diso é que xa é posible comprar estes produtos en liña a través do servizo de venda e entrega a domicilio.

Un pouco de historia…

Coa apertura dunha nova rúa, a rúa Serra, decidiuse construír unha nova praza de abastos para a celebración do mercado municipal. Esta praza, que foi inaugurada o día 20 de xaneiro de 1948, viña a substituír o antigo mercado situado xunto á ponte do Burgo, na praza de Valentín García Escudeiro, e que tras case sesenta anos de vida se atopaba nun estado moi precario.

Actualmente este mercado segue en funcionamento tras sufrir unha profunda reforma en 2003 asinada polo arquitecto César Portela, na que se desmontou totalmente a estrutura, construíuse un aparcadoiro subterráneo de dúas plantas e reconstruíuse o edificio peza por peza, respectando a arquitectura orixinal en canto a fachadas e escalinatas interiores de cantería, pero adecuando o espazo ás necesidades actuais. No transcurso das obras de remodelación, descubriuse unha parte da muralla medieval nas súas inmediacións.